Thursday 16 de May de 2024

A Xunta pon este luns en servizo a segunda fase do Plan de acceso dos autobuses interurbanos ao centro da Coruña


Os horarios xa se poden consultar na web da Consellería de Infraestruturas e están a disposición dos concellos da Coruña, Arteixo, Culleredo, Oleiros, Laracha, Carballo, Cambre, Betanzos, Oza- Cesuras, Curtis e Abegondo

A Xunta de Galicia pon este luns en servizo a segunda fase do Plan de acceso dos autobuses interurbanos ao centro da Coruña.

Os concellos implicados nesta segunda fase do plan, A Coruña, Arteixo, Culleredo, Oleiros, Laracha, Carballo, Cambre, Betanzos, Oza- Cesuras, Curtis e Abegondo, xa dispoñen dos horarios das liñas que comezan a funcionar o luns. A Consellería de Infraestruturas remitiulles esta semana esta información aos municipios, que se pode consultar no seguinte enlace: https://goo.gl/uFszYB

Coa posta en funcionamento desta iniciativa, os autobuses dos corredores de Arteixo e Carballo xa accederán ao centro urbano con paradas na Praza de Pontevedra/ Juan Florez, Entrexardíns, Praza de Ourense, Costa da Palloza e Estación de autobuses.

O obxectivo é facilitar os desprazamentos aos usuarios grazas a un maior número de liñas que poidan ter acceso todos os días e durante todo o día, ao centro urbano da Coruña.

Esta iniciativa permitirá chegar ao centro 17 liñas interurbanas máis que acumulan preto de 900.000 viaxes ao ano. Neste sentido, a Xunta dá continuidade á 1ª fase do plan, que nestes tres meses de funcionamento xa posibilitou que nas liñas melloradas, un de cada tres desprazamentos que entran ou saen da Coruña usaron as novas paradas do centro urbano.